XXX EDICIÓN

A obra “As Ramonas, de Ana Cabaleiro (Saídres-Silleda, 1974), foi a gañadora da trixésima edición do Premio de Novela Manuel García Barros, convocado polo Concello da Estrada e Editorial Galaxia en colaboración coa Consellería de Educación e Cultura da Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

A gañadora, xornalista de profesión, recibirá unha dotación económica de 9.000 euros e a edición da súa obra por parte de Editorial Galaxia, que se encarga da publicación dos títulos gañadores desde o ano 2000.

O xurado desta edición do premio que leva o nome de Kenkeirades estivo composto por Eulalia Agrelo Costas, Carlos Lema, Armando Requeixo, Olalla Cociña e Carlos Loureiro Rodríguez, que foron os encargados de avaliar as obras presentadas a concurso.

O xurado valorou da obra de Ana Cabaleiro os seguintes aspectos: “narrada cunha prosa de extraordinario labrado, salienta polo fino trazado das personaxes e a nidia aposta pola forza dos vínculos que veñen da infancia e da adolescencia e tamén da familia e a tribo, especialmente aqueles que a unen ás súas devanceiras e compañeiras”.