O Excmo. Concello da Estrada, sensible co proceso cultural de Galicia, entende que un dos bens máis prezados desta Comunidade é o da creación literaria, aspecto de salientable significación no marco da lingua e da cultura, que redunda nun amplo desenvolvemento da propia identidade. Neste marco de referencia enténdese que calquera estímulo positivo facilita e posibilita unha mellora no eido da literatura e é polo que así entendido, no proceso de normalización cultural, crea o PREMIO DE NOVELA «MANUEL GARCÍA BARROS» (KEN KEIRADES).
Ademais, deste xeito, quere testemuñar a admiración e respecto e manter a presenza do ilustre académico e galeguista D. Manuel García Barros, mestre e fillo deste concello, contribuíndo así ao espallamento da súa persoa e máis a importante achega que a súa obra fixo ás Letras Galegas.
O Excmo. Concello da Estrada, en colaboración coa Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia -por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística- e a Editorial Galaxia convocan o «XXXIII Premio de Novela Manuel García Barros (Kenkeirades)«, cunha dotación económica de 9.000 euros, que se rexerá polas seguintes bases:
PRIMEIRA
Poderán concorrer ao premio as autoras e autores de calquera nacionalidade que presenten os orixinais escritos acorde coa normativa oficial vixente en lingua galega, agás os gañadores das últimas cinco edicións. Os textos presentados deberán ser inéditos e totalmente orixinais.
SEGUNDA
Os orixinais serán presentados por sextuplicado en papel tamaño folio ou en holandesa, mecanografados a dobre espazo e encadernados en espiral, acompañados dun CD no que se incluirá a obra en formato PDF, antes do 15 de maio de 2021 na Casa do Concello, Praza da Constitución, 1 – 36680 A Estrada (Pontevedra).
TERCEIRA
Con cada orixinal, que deberá ser presentado baixo lema, xuntarase en sobre pechado o nome completo, enderezo e teléfono do autor ou autora, así como o título da novela. Presentarase na plica unha declaración xurada conforme están ao corrente nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e non están incursos en prohibición de percepción de obrigas públicas e, en xeral, de cumprir os requisitos do artigo 13 da LGS 38/2003, así como fotocopia do DNI, NIE, pasaporte ou documento equivalente..
CUARTA
O premio terá unha dotación económica de 9.000 euros, que se outorgará indivisiblemente nun único premio.
O gañador ou gañadora será notificado para que presente -cunha antelación mínima de dous días ao sinalado para a entrega do premio- os certificados dos organismos competentes de non ter débedas coas Facendas estatal e autonómica, nin coa Seguridade Social.
QUINTA
O xurado estará composto por cinco membros escolleitos entre recoñecidos persoeiros do mundo da cultura, actuando un deles como secretario/a a proposta e en representación da Corporación do Excmo. Concello da Estrada. O premio concederase por maioría de votos.
SEXTA
A composición do xurado darase a coñecer no día, lugar e hora que se comunicará oportunamente.
SÉTIMA
Unha vez emitida a resolución do xurado procederase á apertura da plica gañadora no curso dun acto público na data e lugar que se anunciarán oportunamente.
OITAVA
O premio poderá ser declarado deserto.
NOVENA
O acto de entrega do devandito XXXIII PREMIO DE NOVELA “MANUEL GARCÍA BARROS” (KEN KEIRADES) será no día, lugar e hora que se comunicarán oportunamente.
DÉCIMA
O Excmo. Concello da Estrada resérvase, durante o prazo dun ano, os dereitos de publicar a obra premiada, en todas as linguas do Estado, en formato físico e dixital. Neste sentido, o autor ou autora renuncia a favor do Concello da Estrada, na primeira edición en papel, a calquera tipo de remuneración polos seus dereitos de autor. A obra premiada será publicada por Editorial Galaxia.
DÉCIMO PRIMEIRA
Os textos non premiados poderán ser retirados no Departamento de Cultura do Concello da Estrada -logo da presentación da solicitude de retirada asinada polo autor ou autora e da identificación no momento da súa recollida- nun prazo de trinta (30) días contados a partir do seguinte ao da comunicación do xurado. Aqueles que non sexan retirados no prazo indicado serán destruídos, sen que caiba ningunha reclamación ao respecto.
DÉCIMO SEGUNDA
A participación nesta convocatoria requirirá a aceptación das normas contidas nas presentes bases, así como as decisións do xurado designado, que serán inapelables.
Consulta as bases da convocatoria en formato PDF (Ver bases).