O Premio de Novela Manuel García Barros «Kenkeirades» foi creado polo Concello da Estrada no ano 1989 co obxectivo de render homenaxe á memoria deste insigne escritor e galeguista estradense e de espallar a súa obra e pensamentos. Manuel García Barros está considerado na actualidade como un dos persoeiros ilustres do municipio e como unha das figuras de referencia das letras galegas dende comezos do pasado século.
Despois de 33 edicións, este certame literario está plenamente consolidado como un referente no eido da narrativa en lingua galega, xunto aos premios Xerais e Blanco Amor, pola calidade das obras gañadoras, o volume de participación que se rexistra ano tras ano e o nivel dos autores que concorren, pero tamén pola dotación económica do premio, fixada en 9.000 euros, ademais da publicación da novela gañadora.
A posta en marcha deste premio de novela foi o primeiro chanzo posto polo Concello da Estrada para a configuración dun completo elenco de galardóns no eido das letras. Así, dende A Estrada convócanse tamén cada ano o Premio de Poesía Avelina Valladares, o Premio Xornalístico Manuel Reimóndez Portela, o Premio de Teatro Mome-Varela Buxán e o Premio Alberte Quiñoi de Álbum Ilustrado.