O Concello da Estrada celebrará, o vindeiro venres 20 de novembro, a cerimonia de entrega do Premio de Novela Manuel García Barros ao escritor Manuel Portas, que foi o gañador da viséximo sétima edición deste certame coa súa obra «Lourenço, Xograr». Este acto terá lugar no Teatro Principal da localidade a partires das 20.00 horas e está aberto a toda a cidadanía. Asemade, haberá unha actuación musical a cargo da formación Talabarte.
O premio estradense, que pecha o ano literario no municipio tras os certames Varela Buxán, Avelina Valladares e Reimóndez Portela, conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, pertencente á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, e da Editorial Galaxia, que será a encargada da publicación e distribución da obra gañadora.
A novela, ambientada no século XIII, conta a historia de Lourenço, un rapaz humilde que desexa ser trobador para acadar fortuna en toda a península mentres avanza na súa historia de amor cunha rapaza de familia fidalga nun ambiente de intrigas palacianas e batallas da guerra civil portuguesa.