- Programan un evento na Cidade da Cultura que reunirá á meirande parte dos escritores gañadores, que recibirán unha serigrafía creada para a ocasión polo artista estradense Ramiro Cimadevila
- O evento contará coa actuación do pianista Javier Otero e a presenza do conselleiro de Cultura, o presidente da RAG e o alcalde da Estrada
O Concello da Estrada, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, lembrarán o vindeiro sábado 16 de novembro cun acto programado conxuntamente os 25 anos de traxectoria do Premio de Novela Manuel García Barros, creado en 1989 e que actualmente está considerado un dos certames de narrativa máis importantes da literatura galega.
O acto, que terá lugar na Cidade da Cultura, pretende promocionar e difundir en toda Galicia os valores e a aposta cultural e literaria do premio estradense co gallo da súa vixésimo quinta edición. Para iso, reunirá á meirande parte dos escritores gañadores do certame dende 1989, entre os que se atopan algúns dos autores máis importantes da literatura galega contemporánea. Xa confirmaron a súa presenza no evento escritores como Alfonso Álvarez Cáccamo, Xerardo Agrafoxo, Francisco Castro, Xesús Constela, Antonio Piñeiro, Bieito Iglesias ou Anxos Sumai. En recoñecemento á súa contribución á consolidación do premio e á construcción do seu prestixio actual, todos eles recibirán unha serigrafía creada especificamente para a ocasión polo artista estradense Ramiro Cimadevila.
O vencellamento do Concello da Estrada co eido da cultura estará presente durante todo o acto, posto que será presentado pola xornalista local Mireia García e contará coa actuación do pianista estradense Javier Otero. Tamén están previstas as intervencións do conselleiro de Cultura, Xesús Vázquez Abad; do presidente da Real Academia Galega (RAG), Xesús Alonso Montero; do alcalde da Estrada, José Carlos López Campos; dun representante da editorial Galaxia, encargada da publicación das obras gañadoras dende o ano 2000; e dun dos escritores gañadores, en nome de todos os seus compañeiros de galardón.
Ademais, tamén terá un protagonismo especial o IES Manuel García Barros da Estrada, xa que os seus estudantes de Literatura Galega de 2º de Bacharelato participaron na gravación dun vídeo sobre a traxectoria do premio que se proxectará durante o evento. Un grupo destes alumnos tamén estará presente no acto xunto ao seu profesor, Carlos Loureiro, recente premio San Martiño de Normalización Lingüística, que será o encargado de facer unha semblanza da figura de Manuel García Barros. Loureiro é o actual secretario do premio de novela e tamén un gran estudoso da biografía do escritor estradense que dá nome ao certame.
O Concello da Estrada e a Consellería de Cultura pretenden converter o acto nun recoñecemento ao 25 aniversario do premio e outorgarlle a debida visibilidade no panorama cultural e literario de Galicia. Porén, preténdese contar coa presenza dos responsables das editoriais vencelladas á historia do certame, das fundacións de escritores de Galicia, dos colectivos de escritores e das institucións culturais.
Tamén se pretende pór en valor o traballo da Estrada a prol da cultura galega coa presenza das súas asociación culturais, os seus colexios e institutos e os seus autores. Asemade, a familia de García Barros contará cun papel protagonista no evento e recibirá un pequeno agasallo de mans do conselleiro de Cultura.