- A catoirense convértese na segunda muller que consegue este galardón nos seus 25 anos de historia.
A obra «A lúa da colleita», de María dos Anxos Sumai García (Catoira, 1960), foi a gañadora da viséximo quinta edición do Premio de Novela Manuel García Barros, convocado polo Concello da Estrada en colaboración coa Consellería de Educación e Cultura da Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
O traballo, que se presentou baixo o lema «Neve de abril sobre o río Anawaka», competíu cunha vintena de obras. O premio, que se entregará nun acto público a celebrar na Estrada no derradeiro trimestre do ano, está dotado economicamente con 9.000 euros e inclúe tamén a publicación da obra gañadora por parte da Editorial Galaxia, que se encarga da edición dos traballos distinguidos neste certame dende o ano 2000.
O xurado das «vodas de prata» do premio que leva o nome de Kenkeirades estivo composto por Inma Otero Varela, Carlos González de Lema Malvar, Armando Requeixo Cuba, Luis Alonso Girgado e Carlos Loureiro.
O ditame do xurado foi unánime a prol da obra de Anxos Sumai, da que sinalaron que «é unha novela cun elaborado traballo de caracterización das personaxes, onde o cuestionamento da identidade fúndese coa memoria e o paso do tempo». Fortes doses de intriga, simbolismo, arquitectura perfecta e linguaxe moi visual foron outros dos aspectos destacados nun traballo no que os protagonistas vense arrastrados «a finais inesperados, pero de implacable lóxica».
A obra, cualificada polo xurado como «unha novela de personaxes», ambiéntase na zona da desembocadura do río Ulla e conta cunha muller como principal protagonista. «Posúe unha intriga poderosa, mais dosifícase de forma extraordinaria toda a trama», concluíu o xurado.
A escritora e documentalista catoirense convértese deste xeito na segunda muller que se fai co galardón nos seus 25 anos de historia, despois de que María Gándara gañase o García Barros no ano 1997 coa obra “Magog”.
Anxos Sumai comezou a destacar na súa faceta narrativa no ano 2003 con «Anxos da garda», obra coa que gañou o Premio da Crítica de Galicia de Creación Literaria, e tamén conta na súa traxectoria con obras como «Melodía de días usados» e «Así nacen as baleas», que foi galardoada no ano 2008 co Premio Arcebispo San Clemente. Tamén recibíu en 2007 os premios á Autora do Ano da Asociación Galega de Editores e á Mellor Autora do Ano pola Asociación de Escritores en Lingua Galega. Finalmente, no seu palmarés tamén figura o Premio de Xornalismo Literario e de Opinión Roberto Blanco Torres (2007) polo seu espazo «Somos perigosamente normais», emitido cada semana no Diario Cultural da Radio Galega.