Abren ata o 6 de maio o prazo de recepción de obras para o XXVIII Premio García Barros

O Concello da Estrada, a través da Concellería de Cultura, abriu o prazo de recepción de obras para a viséximo oitava edición do Premio de Novela Manuel García Barros ata o vindeiro 6 de maio. Posteriormente, o xurado, conformado por persoeiros de prestixio no ámbito das letras galegas, analizará todos os traballos presentados e emitirá o seu ditame preto do verán.

Como principal novidade, cabe sinalar que o Concello da Estrada decidiu que, por primeira vez, non poderán concorrer os gañadores das últimas dez edicións. O obxectivo desta medida é ampliar o posible abano de escritores premiados e tentar favorecer a aparición de novas figuras da literatura galega.

O galardón entregarase a finais de ano nun acto aberto á cidadanía que terá lugar no Teatro Principal da Estrada. O gañador recibirá un cheque de 9.000 euros e a publicación da súa obra a cargo de Editorial Galaxia.