- Xesús Vázquez destaca o compromiso do Concello e o apoio da familia para prorrogar o certame con éxito no tempo
- José López cualifica de “débeda histórica” o feito de que “Ken Keirades” aínda non fora protagonista dun 17 de maio
A exitosa celebración do 25º aniversario do Premio de Novela Manuel García Barros, que reuníu a preto de 150 persoas na Cidade da Cultura, foi aproveitada polo Concello da Estrada, na persoa do seu alcalde, José López, para solicitar que o escritor estradense sexa protagonista nun futuro do Día das Letras Galegas. A petición contou co apoio do director de editorial Galaxia, Víctor Freixanes, que sinalou que o autor de Berres conta con “méritos de sobra” para que se lle adique un 17 de maio. O acto foi respaldado por unha ducia de escritores gañadores do premio e a mensaxe de apoio dos que non puideron asistir por cuestións de axenda ou profesionais.
Baixo a presentación da xornalista Mireia García e a música de Javier Otero ao piano, o acto comezou cun vídeo musical e literario que fixo un percorrido polas obras gañadoras dende 1989. O protagonismo deste traballo recaeu nos estudantes de Literatura Galega de segundo de Bacharelato do IES Manuel García Barros e do seu profesor Carlos Loureiro, que contaron cun peso especial no evento.
O turno de intervencións abriuno o alcalde estradense, que destacou o “compromiso” do municipio coa cultura e a literatura galega e abondou na intención de converter á Estrada “na capital cultural” da comunidade. “Queremos amosarlle a toda Galicia o que facemos, como vivimos e como defendemos as nosas orixes”, proclamou.
Tras a semblanza sobre García Barros a cargo de Carlos Loureiro, Freixanes destacou o García Barros como “premio clave” das letras galegas “polas obras e autores descubertos e a evolución dos estilos”. Indicou que o premio fortalece “o edificio común” da cultura do país e resaltou o mérito da Estrada “por manter e fortalecer o premio por riba de ideoloxías e corporacións”. Pola súa banda, o presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, recolleu a luva das Letras Galegas para García Barros sinalando que “ninguén discute os seus méritos”.
Finalmente, o conselleiro de Cultura, Xesús Vázquez, lembrou que os mellores escritores de Galicia figuran na nómina do premio e considerou que 25 anos “son dignos de conmemoración e ledicia”. Tamén apuntou que “a capacidade de cooperación, a boa recepción de público e crítica, o compromiso da Estrada e o apoio da familia” son, xunto coa colaboración das editoriais, as claves para prorrogar o premio con éxito no tempo. “García Barros non desaproveitou un día da súa vida nin deixou de loita pola súa terra”, concluíu.
Tras os discursos, as autoridades entregaron un ramo e unha serigrafía de Ramiro Cimadevila á familia de García Barros e posteriormente estenderon a entrega desta obra do artista estradense aos escritores presentes, así como ao conselleiro de Cultura, o presidente da RAG, o director da editorial Galaxia e a comunidade educativa do IES Manuel García Barros. O acto tamén contou coa presenza do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; Xesús Palmou, membro do Consello de Contas; o alcalde de Vedra, Carlos Martínez; e representantes de asociación culturais e centros educativos da Estrada.