Manuel García Barros (16/11/1876, Berres – 11/04/1972, Callobre) é un dos escritores máis significativos da literatura galega do século pasado, aínda que tamén adicou gran parte da súa vida ao xornalismo e a defender e potenciar a cultura do país.
De mozo, comezou a traballar no sector agrario, dando continuidade á tradición da familia labrega da que proviña, mais aproveitou o seu tempo de lecer na mocidade para estudar Maxisterio, conseguindo a praza de mestre na parroquia estradense de Rubín. Desta época datan os seus primeiros poemas.
Nembargantes, as súas inquedanzas coas letras e a cultura xa comezaran recén iniciado o século XX. Por mor da súa estadía na cidade olívica para cumprir co servizo militar, colaborou con revistas como Luz y Sombra e afondou nas súas relacións co mundo cultural.
Tamén compaxinou a súa faceta literaria co xornalismo, chegando a ser director do semanario El Estradense, por mor do cal entraría por primeira vez no cárcere en 1907, e promotor de El Emigrado, financiado por Hijos del Ayuntamiento de La Estrada en Cuba. Nesta publicación acadou sona coa súa sección Rexoubas, centrada fundamentalmente na crítica ao caciquismo e que asinaba co pseudónimo Kenkeirades, co que se lle coñece popularmente, pero especialmente cos Contiños da Terra. O primeiro deles titúlase Camiño da montaña.
Tras estes inicios literarios e xornalísticos e despois de intensificar as súas relacións cos movementos agrarios, as Irmandades da Fala e o Grupo Nós -principalmente co seu amigo Ramón Otero Pedrayo-, pasou ser, dende a década dos anos vinte, unha figura imprescindible da cultura, as letras e o galeguismo.
En 1927 aprobou as oposicións a mestre nacional, pero o emprego foille suspendido por mor do levantamento militar. Os seus problemas co Réxime nunca se extinguiron e en 1955 volveu entrar no cárcere, desta volta xunto a Francisco Fernández del Riego e Domingo Lemos Suárez, por posuír uns números da revista Bohemias, que lle foran enviados dende Cuba.
Dous anos despois, o 31 de marzo de 1957, foi nomeado membro da Real Academia Galega (RAG).
Pasou toda a vida escribindo, pero a cantidade de obras publicadas non foi moi estensa. A súa bibliografía está redactada integramente en galego agás o artigo Divagaciones sobre lo discutible y lo indiscutible, no que se opón contundentemente ás guerras e a calquera tipo de fanatismo.
A súa figura é unha das máis salientables do Concello da Estrada, onde se manifesta unha grande devoción por este insigne escritor. Así, neste municipio dá nome a unha rúa, un instituto e un premio de novela e conta cunha escultura na Avenida da Cultura.
Ademais, a súa trascendencia e peso nas letras galegas queda perfectamente reflectida na cantidade de artigos e libros publicados sobre a súa figura por persoeiros como Álvarez Blázquez, Darío Xoán Cabana, Couceiro Freijomil, Fernández del Riego, Fernández-Oxea, Garrido Couceiro, Otero Pedrayo ou Rodríguez Fraíz, entre outros.
En canto a súa vida persoal, casou con Carmen Ínsua Rodríguez en 1906 e foi vivir con ela á súa casa familiar na aldea de Pousada, na parroquia estradense de Callobre, onde permaneceu para sempre. A parella tivo seis fillos.
Bibliografía
1924 • O fútbol en malpocados
(Premio dos Xogos Florais de Santiago de Compostela)
1926 • Carta da Habana
1929 • Falemos na nosa fala
(Premio Literario da Exaltación da Muller Galega de Pontevedra)
1931 • Contiños da Terra (Editorial Nós)
1972 • Aventuras de Alberte Quiñoi
(Finalista do certame do Centro Galego de Bos Aires, 1949)
2000 • Enredos
2001 • Dos meus recordos