Co gallo da conmemoración do 25 aniversario da creación do Premio de Novela Manuel García Barros, o Concello da Estrada e a Consellería de Educación e Cultura, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, teñen previsto programar diversas actividades para celebrar a consolidación do certame nas súas «vodas de prata» e para darlle un novo pulo á súa difusión e coñecemento en toda a comunidade galega.
Para acadar tales obxectivos, ambas institucións colaboran en primeiro lugar na estrea desta mesma páxina web, que lembra a historia do premio e pon en valor os traballos distinguidos nestes 25 anos e o prestixio dos seus autores, considerados xa figuras de referencia da literatura galega contemporánea.
Ademais, de xeito complementario ao tradicional acto de entrega do premio de 2013 á gañadora desta edición, Anxos Sumai, tamén está programada a celebración dun evento no que se tentará reunir a todos os escritores vivos que ao longo dos 25 anos de historia do certame foron merecedores da súa máxima distinción. Con esta xuntanza preténdese pór en valor o premio, o importante esforzo das entidades convocantes para mantelo co paso dos anos sen reducir a dotación orzamentaria e a aposta das principais editoriais galegas por potenciar aos autores en lingua galega.
Asemade, tamén se pretende fomentar a lectura de obras en lingua galega entre os máis novos, mediante a lembranza e posta en valor dos sucesivos títulos gañadores do Premio de Novela Manuel García Barros dende a primeira convocatoria do certame.