O Premio de Novela Manuel García Barros cumpriu en 2021 os 33 anos de vida cunha traxectoria envexable no eido das letras galegas e unha saúde que alumea de esperanza o seu futuro.
Ao longo da súa historia, e coa concesión do galardón a Alberto Lema, o premio xa conta con 32 nomes cinguidos para sempre á súa historia. Nas 33 edicións houbo 32 gañadores, sen que nunca repetise ningún autor/a como gañador absoluto, e concedéronse ademais catro accésit. A cifra dos 32 gañadores débese a que en dúas ocasións, 1991 e 1998, o premio quedou deserto, pero na edición de 1996 Alfonso Álvarez Cáccamo e Xavier Queipo compartiron a honra de gañalo ex aequo.
Deste xeito, o Concello da Estrada xa entregou un total de 36 galardóns entre premiados e accésit e só a figura de Antón Riveiro Coello aparece en dúas ocasións: en 1997, coincidindo coa primeira vitoria feminina do palmarés (María Gándara, con Magog), o escritor ourensán levou un accésit por A historia de Chicho Antela. Tres anos despois acadaría a máxima distinción con As rulas de Bakunin.
O certame estradense concedeu moitos triunfos a figuras destacadas das letras galegas contemporáneas, pero tamén serviu en moitas outras ocasións para descubrir novos talentos hoxe xa consolidados no panorama literario galego.
Nesta andaina, un total de cinco editoriais galegas apostaron pola colaboración co certame e a publicación das obras gañadoras. Xerais, Ir Indo, Sotelo Blanco e Espiral Maior déronlle o testemuño a Galaxia, que se encarga de editar cada traballo dende o ano 2000 e que renovou recentemente o seu compromiso.