“De xeito sorprendente, o avaliado decide falar hoxe por primeira vez. Despois de sentar, o interno repítelle ao doutor Penselas con insistencia a súa habitual pregunta: “Que hora é?” A resposta do doutor Penselas, cito textualmente, é: “Nin o sei nin me importa, cona!”. O avaliado bótase a rir e dille: “Así me gusta”. Ante a nosa expresión de incredulidade o paciente continúa: “Non sei como me chamo, nin de onde veño. Non recordo nada. Pero non estou tolo”. Apreciámoslle un lixeiro acento cando fala, case imperceptible e moi peculiar, mais non recoñecemos a súa procedencia. Decidimos actuar con cautela e non alteralo con preguntas persoais. Cando o interrogamos sobre o seu primeiro recordo, dinos: «Estaba mollado e tiña a boca chea de area». Queremos descubrir se está a gusto na súa cela de illamento pero fica en silencio e empeza a poñerse nervioso. Optamos por terminar a entrevista ás 12.50 horas.
Diagnóstico: Amnesia retrógrada. Posible demencia”.