“E que reflexionas, Willy?, pregunteille. Pois reflexionaba que qué triste sería o mundo se non existise a potencia do sol, capaz de insuflar vida nos seus habitantes, ese faro que combate a noite, a escuridade, a tebra, contestoume. Vaia unhas cousas nas que pensaba. Que a Terra habería converterse na máis inerte das rochas a aboiar polo espazo sen rumbo fixo por toda unha eternidade. Que non sería máis ca un planeta a piques de esmorecer dun xeito definitivo e inevitábel, a Terra, un barco fantasma habitado por seres perdidos a tropezaren entre eles de continuo, a bateren sen querer contra todos os obxectos que atopasen ao seu paso, unha cova inmensa poboada de morcegos, a Terra, sen ocos por onde puidera abrirse paso unha raiola de sol, esa luz tan necesaria como o osíxeno que necesitamos respirar, coma os alimentos que temos que comer cada día, coma a auga na que viven as criaturas do mar. Era intelixente de carallo, o Willy”.
