2007 | As palabras da néboa, de Francisco Castro

“…aprendeu a descifrar o significado de sons que nunca escoitara, o vento do océano, a propia voz do mar cando berra en linguas particulares que só poden entender os mariñeiros máis afoutos, coma un aviso, hoxe non naveguedes, ou hoxe quedade na terra, ou hoxe ides todos morrer e non haberá Deus que vos salve, Antonio de Outeiro aprendeuno todo e con dureza, pero foi por ganas e por paixón, e por desexo de cumprir ben desde o primeiro día a súa misión polo que aprendeu tanto tan rápido e tan ben, e por iso, tamén por iso, chegou a collerlle querenza a aquel traballo mariñeiro, bestial, en verdade, mais necesario, e querenza ás palabras do mar, outra vez as palabras liviás coma toneladas de significado, velame, quilla, codaste, astrolabio, tolda, cadrante, trinquete, sextete, palanquín, latitude, estai, compás, vigotas, corredoira, pé de roda, caperal, cadernas, carlinga, limera, bita, escobéns, pertusas, papafigo, boneta, bolina, roldana, zapón, verbas fermosas, traballo durísimo, como algo tan esgotador pode expresarse dunha maneira tan fermosa…”.

Editorial Galaxia