2006 | Lois e Helena buscándose un día de tormenta, de Manuel Veiga

“As pombas do tellado mataban o silencio da casa e agora os silencios a cada vez máis tensos da conversa de Lois Depau cos seus pais que vivían nunha casa baixa con horta (en todo Oliveira hai hortas e corredoiras entre os bloques de casas) e que viñan de saber que a súa nora faltaba da casa desde primeiras horas da mañá, quizais desde a madrugada, porque as sabas estaban frías cando Depau, fillo, sentiu por primeira vez con conciencia plena o gorgolexo das pombas que substituían ou competían desde había meses coas gaivotas.

Lois Depau arrastrou os dedos, como un angazo, pola testa e ollou o reloxo. Pola fenda do albornoz sobresaía o seu membro. Dúas semanas sen facer o amor e catro días sen masturbarse, pero estaba curvo como pico de papagaio. Despois enxergou un cadro grande de metacrilato coa figura dun pianista e fondo transparente. O cadro, mercado nos oitenta, pasara de moda deseguida, mais el resistíase a guindalo no lixo porque aínda lembraba o prezo. Buscou entón na axenda o teléfono da nai de Helena, pero ninguén respondeu. Debruzouse na fiestra para tomar o aire e viu como dúas gaivotas voaban en parella, unha mordía as ás da outra, até que a vítima, por fin, conseguía soltarse”.

Editorial Galaxia