“O músico alemán dotara a versión dun ritmo moito máis francés que soaba arestora; asumira inconscientemente a perenne influencia parisina en Berlín, iniciada por unha gavela de hugonotes fuxidos que converteran dúas aldeas de pescadores ribeireños na capital dunha nación vigorosa.
Seis dietrichs louras, pálidas e carentes de avultamentos no corpo a imaxe e semellanza de Marlene, están collidas entre si por brazos que se entrecruzan tras as súas costas, sobre as costuras que suxeitan a fenda que abre en dúas a cola dos seus chaqués. Erguen as pernas incapaces de facelo ao tempo, discapacitadas para a harmonía. Unhas medias disimulan a torpe depilación de miseria con rolla queimada. As bailarinas amosan zapatos de tacón tan longo como o seu cansazo a un público que desexa a súa mocidade dende o patio; amosan, con diferenza perceptible no tempo, os seus sombreiros de copa e os bastóns negros con puño branco a un público que devece por elas antes de rematar a súa danza ridícula”.