“Despois dunha breve parada no restaurante La Terraza, frecuentado polo narrador cando desexaba saborear o peixe fresco mentres conversaba cos mariñeiros sobre as súas capturas, o escangallado Chrysler levounos ata o cativo poboado de San Francisco de Paula, onde se atopaba o obxectivo máis prezado da nosa expedición dende que nos encontramos aquela tarde na recepción dun hotel.
Durante a viaxe a través das vilas mariñeiras, que foran escenario das incursións do escritor ata as augas máis profundas do Caribe, a miña curiosidade era graduada con destreza polo profesor, amosándome o paralelismo entre a convulsa vida do novelista polas paisaxes tropicais e a escrita construída con expresións precisas, claras e enérxicas, para expresar os conflitos que o obsesionaban dende a súa mocidade.
Segundo o meu guía, Hemingway trasladárase a esta casa de inconfundible estilo español fuxindo do ambiente que se respiraba na Habana. Unha capital nun tempo hospitalaria e adorable, pero naquela época ateigada de sicarios da Mafia conducindo rechamantes Cadillacs, putas e proxenetas con recendo a tabaco e ron, e tugurios convertidos na imaxe máis escura da cidade”.