“Nunha computadora que ironicamente chamaban Sky, por aquilo de que se ocupaba de xente celestial, contíñanse todos os datos persoais e clínicos, así como os estudios psicolóxicos de ducias de personalidades tocadas pola notoriedade cinematográfica. Sky tiña unha efectividade contrastada dun noventa e nove por cento.
A máquina pasaba por unha temporada sen a penas choio, porque varios membros da brigada levaban meses orientando boa parte dos seus recursos cara a unha posible operación no Westwood Memorial Park que semellaba estancada cando sospeitaban que era ó revés. Estes peculiares contrabandistas utilizaban medios moi avanzados, empregando grandes cantidades de diñeiro para acadar o seu obxectivo, e non sempre era doado chegar ata o final dunha investigación porque tamén dispuñan de boas coberturas legais ó poder acceder ós mellores e máis enredantes abogados. A pesar de manterse os dispositivos alerta desde había tempo, aínda non se acadaran resultados satisfactorios. Tiñan indicios e mesmo algunhas probas, mais ata ese intre as pescudas resultaran infructuosas.
Sen embargo, as cousas estaban a piques de cambiar”.