“¡Trinta mil pesetas, Rosalía! ¡Trinta mil pagou alguén polo libro! ¿Quen sería? ¡E pagounas hai tempo! Devezo por saber quén foi.
Xa falei coa nosa filla Branca e non lle parece mal que a semana vindeira eu vaia a Santiago.
Lázaro está nervioso, non sei se pola desconfianza do éxito da operación ou pola viaxe. ¡Van ir en avión, Rosalía! ¡Estanche tolos! Coidarasme parvo por pensar nestas teimas pero a miña cabeciña traballa dun xeito atravesado. Ti sabes que iso non me gusta nada. Venme á memoria o accidente do setenta e tres cando aquel aparato se estrelara en Montrove e nós estábamos a esperar aos nosos amigos Elvira Suárez e Manuel Abeleira que volvían de Caracas para ficaren en Vilaboa. Aquilo fora terrible. Quixera a vontade perversa do destino traelos aquí para sempe. ¡Cantas veces teño imaxinado a ledicia inmensa que deberon de sentir denantes do accidente ao veren as Mariñas como nun mapamundi activo! Cecais a súa visión entusiasmada acadase por un intre fuxidío o encoro de Cecebre, o campo de fútbol onde xogabamos co Celta de Rutís, equipo do que el fora presidente en tempos da Segunda República…”.