1997 | Magog, de María Gándara

“Era noite pecha cando Dona Leonor de Arda e de Andrade lle relatou á meniña aquela historia.

– Hai anos –Dona Leonor falaba moi baixiño– teu avó, o rei don Fernando, convocou cortes en León e fixo partición do reino. Iso foi dous anos antes de que finara. Teu avó era rei de León, seguido de Castela e de Galicia. Fixo partes e repartiu o reino entre os seus fillos.

– ¿O reino?, ¿os reinos repártense?

– Neste caso, si.

– A teu tío Sancho, que era o primoxénito, deulle Castela e as parias de Zaragoza, a teu tío García que era o pequeno deulle Galicia e as parias de Badaxoz e de Sevilla.

– ¿E a meu pai?

– A teu pai, que era o preferido, deulle León e as parias de Toledo. En canto a Elvira e Urraca, túas tías, recibiron o señorío dos mosteiros dos tres reinos.

Levou Dona Leonor o vaso ós beizos e bebeu un grolo longo.

– Sancho non se conformou, moitos nobres e cregos apoiárono porque os reinos non se poden repartir coma se fosen cestos”.

Xerais