1996 | O espírito de Broustenac, de Alfonso Álvarez Cáccamo (ex aequo)

“Os irmáns observaron o seu andar rítmico e pesado que resoaba no empedrado. Cando Anxo Amores soubo, de oído, que a magnífica criatura chegara ao remate do traxecto que conducía ás escaleiras que daban ás celas –as únicas dos cenobios cistercienses de Galicia emprazadas no costado norte do templo, repetíao sempre–, e escoitou como renxían as táboas do sollado do longo corredor, chamou a atención de todos os frades para que se xuntasen e teimou por tres veces con berros educados e palmadas amortecidas para que tamén frei Celso e frei Abdón os máis novos da comunidade, que sempre andaban uns metros afastados dos demais, se sumasen á roda.

-¡Frei Celso e frei Abdón!, veñan aquí. Vostedes semellan vivir noutro mundo.

Frei Pementón, home sagaz e certamente de fe, pero educado noutras épocas na vida libertina dos peiraos, esbozou un bulreiro sorriso que axiña foi aniquilado pola ollada amoladora de Anxo Amores, quen para evitar comentarios, tomou a palabra:

-Suban ás súas celas, recen as súas oracións e de aquí a dúas horas, baixen á sala capitular onde nos reunimos para deliberar e tomar decisións verbo do noso…”.

Xerais