1992 | Corpo canso, de Manuel Riveiro Loureiro

“O pai do Eivado, vendo que ninguén estaba conforme coa desfeita da praia, dispuxo de facer algo e logo acordou consigo mesmo, prometeuse firmemente para poder acougar un pouco, mover a todo o mundo, falarlles… Erguer á xente do barrio, en fin, na defensa da praia. Na defensa do que quedaba da praia, mellor dito, pois que a maior parte dela xa a tiñan perdida sen remedio.

Boutouse de corpo e alma ó asunto (con moita alma, sobre todo) e andou polas tascas da zona falando con uns e con outros, e mais foi expoñe-lo caso no local oficial de reunión social da zona barrial, o CCC. No Centro Cultural dos Castros, onde se dan xuntanzas decote arredor do chamelo, do tute, do mus…, ou de calquera outro mester cultural, o pai do Eivado tamén atopou á xente alporizada ó lle falar do asunto da Praia. Todos bruaban de indignación, todiños. É que non había un que non estivese cabreado, cabreadísimo, polo trelo maldito do roubo da Praia. Perante tamaño alporizamento, o pai do Eivado ficaba máis e máis confuso”.

Ir Indo Edicións