1990 | Historia dun paraugas azul, de Xosé Miranda

“Aínda non saía o sol e xa a tropa se poñía en marcha, cortando polas pradeiras en dirección ó noroeste. Escornabois Dourado tiña présa e non podía agardar ordes dos enviados de Carracha Parda, ou non quería agardalas, nin tampouco toma-la decisión de aforcar ós prisioneiros. Achegouse onda o corgo no que estaban e gobernou de atalos polos pulsos da sela dos cabalos, para que fosen correndo detrás, seguíndoos no seu galope, e se caesen, arrastras ata que se volvesen erguer. Pensaba así descargar, ó seu xeito, a carraxe e seleccionar só ós máis duros dos bárbaros, facendo que os outros morresen despelexados ou esfachicados polos seixos e as matas.

-¡Correde se queredes vivir! -berrou sorrindo coa metade dos labios, dirixíndose a eles, e dando a viravolta mandou partir.

Correron coma nunca os trasfraguenses. Segundo camiñabamos cara ó norte e cara ó mar, medraba a primavera. Unha néboa mansiña, coma de fíos de teas de araña feitas de auga, camiñaba con nós. Resfrescáballe-las tempas e humidecíalle-los beizos”.

Xerais